30 marzo 2022

Poesía para interpretar os días

 

Co gallo da celebración mundial do Día da Poesía, o 21 de marzo, o alumnado do noso centro quixo facer visibles os textos que máis os inspiran, ben foren de produción propia, ben de poetas de todos os tempos. Algunhas mostras de poemas nas xanelas podémolas ler aquí:






Outra proposta consistiu na creación de poesía a partir do riscado de textos xornalísticos:

Non faltaron as pequenas doses de tratamento poético, contidas en pílulas de cores, e dedicadas polo alumnado de todo o centro a quen quixer abrir e descubrir unhas palabras cheas de sentimento e emoción:

29 marzo 2022

Presentación do poemario Cristal, de Alexandre Corbillón

 Con motivo da celebración do Día da Poesía, o 21 de marzo, na nosa biblioteca, fixo a presentación do seu primeiro libro o poeta celanovés Alexandre Corbillón. 


 Baixo o significativo título de Cristal -material con múltiplas propiedades: duro, fráxil, reflector, opaco, translúcido...- o novel poeta presenta unha colectánea bilingüe de composicións de distinto fondo, resultado da vivencia persoal levada ao texto, sempre inspirado pola música que acompaña ao longo dos anos os seus momentos de introspección.

Os poemas preséntanse ordenados seguindo unha transición anímica, que vai desde a desesperación e a tristeza ata a liberación dunha personalidade construída sobre a fortaleza de quen supera a adversidade. Así nos expuxo Alexandre Corbillón o proceso de creación e o seu resultado, con referencias ás lecturas das que se recoñece debedor -como a poesía rosaliana, o hilozoísmo da vangarda galega ou as reflexións do grande Carlos Casares-, aos temas musicais de cada momento e o recitado dalgúns dos poemas propios. É a súa, pois, unha obra intimista, edificada sobre o diálogo entre o pensamento poético e a música.

Contamos tamén coa presenza da autora do cadro que ilustra a capa, Lorena Fernández, que nos explicou a orixe, técnica e significado da súa pintura, e a relación estreita que garda coa cerna do poemario. Deste xeito, asistimos de novo a un transvasamento de formas e significados entre artes: desta vez, entre a pintura e a lírica.




Como guinda a un marabilloso encontro co autor de Cristal (dispoñible na nosa biblioteca), realizouse tamén un pequeno obradoiro de composición usando como detonante a música. O resultado foi a lectura de ideas moi inspiradas, ou a expresión de sentimentos que nos xurdiron ao compás do tema que soaba na sala.

Ao remate, a nosa presentadora e co-organizadora, Bárbara Aldemir (4º ESO) despide o acto cunhas emotivas palabras e coa entrega dun pequeno agasallo aos participantes.

PREPARAMOS O ENTROIDO NA BIBLIOTECA

 A nosa biblioteca transformouse nun taller de confección para deseñar os disfraces do Entroido deste ano. 

Vacas, abellas, pitiños, ovellas, porquiños, insectos voadores, lobos e osos foron os protagonistas desta festa ecolóxica. Sen esquecer as nosas "Gretas", activistas comprometidas co medio ambiente.
















SEMANA DA NARRACIÓN ORAL NA BIBLIOTECA

Dende o martes 22 ata o venres 25 de marzo, a biblioteca converteuse nun lugar aberto á narración oral. 


Nenos e nenas de Primaria e da ESO puxeron o "sombreiro de contar historias" e transformáronse en verdadeiros contacontos profesionais. Interpretaron contos tradicionais como Os tres porquiños e A cabra e os sete cabritiños; outros de factura máis recente como A bruxa regañadentes, O grúfalo ou A estraña visita; revisións de contos clásicos como O lobo con botas e tamén algún relato breve popular da zona. 

Os espectáculos tiveron lugar na biblioteca durante os recreos e incluíron a participación espontánea de membros do público, que sorprenderon con apaixonantes ficcións propias ou co misterio e o terror de narracións recollidas nos seus fogares. Foi todo un éxito!

Parabéns aos narradores!!!!



















Día do libro

Hoxe, día 23 abril, celebramos no noso centro o día do libro e facémolo cunha singular feira, un mercado de libros de ocasión destinado a un...