21 maio 2023

MARÍA LOPO FALA DE MARÍA CASARES

Este 18 de maio de 2023, xoves, o alumnado da ESO tivo a sorte de poder escoitar a María Lopo na nosa Biblioteca.


María é profesora de francés no IES de Sar (Santiago de Compostela). Tamén é unha coñecida tradutora, ensaísta e investigadora. De feito, boa parte dos seus esforzos nese último campo oriéntanse cara á figura da actriz de teatro e cine María Casares.

A investigadora viguesa leva máis de vinte anos dedicados a afondar no coñecemento e divulgación da vida e a obra de María Casares, ben desde Galicia ben desde Francia. Proba do seu inmenso labor e agarimo pola actriz galega, exiliada a Francia após o estoupido da Guerra Civil, é a súa participación, ao longo deste 2022, en diversos actos, exposicións e conferencias co gallo do centenario do nacemento da actriz nada na Coruña en novembro de 1922.

Deste xeito, foi todo un privilexio contar coa presenza de María Lopo no noso centro, que nos propuxo unha fermosa e emocionante viaxe foto-biográfica dunha figura ben relevante dentro do exilio galego a Francia.



Despois de relatar a vida de María Casares, desde a súa infancia en Galicia e en Madrid, María explicou como a familia Casares se implicou desde o exilio en París na loita antifascista durante a Segunda Guerra Mundial.

Amais, o alumnado que cursa Educación Plástica en 4º da ESO realizou colaxes sobre María Casares utilizando a cianotipia. Aquí tedes a lámina realizada por Ricardo e que agasallamos á nosa invitada:





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Día do libro

Hoxe, día 23 abril, celebramos no noso centro o día do libro e facémolo cunha singular feira, un mercado de libros de ocasión destinado a un...