29 marzo 2022

Presentación do poemario Cristal, de Alexandre Corbillón

 Con motivo da celebración do Día da Poesía, o 21 de marzo, na nosa biblioteca, fixo a presentación do seu primeiro libro o poeta celanovés Alexandre Corbillón. 


 Baixo o significativo título de Cristal -material con múltiplas propiedades: duro, fráxil, reflector, opaco, translúcido...- o novel poeta presenta unha colectánea bilingüe de composicións de distinto fondo, resultado da vivencia persoal levada ao texto, sempre inspirado pola música que acompaña ao longo dos anos os seus momentos de introspección.

Os poemas preséntanse ordenados seguindo unha transición anímica, que vai desde a desesperación e a tristeza ata a liberación dunha personalidade construída sobre a fortaleza de quen supera a adversidade. Así nos expuxo Alexandre Corbillón o proceso de creación e o seu resultado, con referencias ás lecturas das que se recoñece debedor -como a poesía rosaliana, o hilozoísmo da vangarda galega ou as reflexións do grande Carlos Casares-, aos temas musicais de cada momento e o recitado dalgúns dos poemas propios. É a súa, pois, unha obra intimista, edificada sobre o diálogo entre o pensamento poético e a música.

Contamos tamén coa presenza da autora do cadro que ilustra a capa, Lorena Fernández, que nos explicou a orixe, técnica e significado da súa pintura, e a relación estreita que garda coa cerna do poemario. Deste xeito, asistimos de novo a un transvasamento de formas e significados entre artes: desta vez, entre a pintura e a lírica.




Como guinda a un marabilloso encontro co autor de Cristal (dispoñible na nosa biblioteca), realizouse tamén un pequeno obradoiro de composición usando como detonante a música. O resultado foi a lectura de ideas moi inspiradas, ou a expresión de sentimentos que nos xurdiron ao compás do tema que soaba na sala.

Ao remate, a nosa presentadora e co-organizadora, Bárbara Aldemir (4º ESO) despide o acto cunhas emotivas palabras e coa entrega dun pequeno agasallo aos participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Día do libro. Amigo invisible

 E seguimos celebrando o día do libro, esta vez coa entrega dos agasallos do amigo invisible.  Os membros do noso centro abrimos con ilusión...